Thursday 28 de March de 2024

O Concello de Neda súmase a VioGén para mellorar a protección das vítimas da violencia de xénero


A Subdelegada do Goberno e o alcalde copresidiron a reunión da Xunta de Seguridade Local na que se aprobou a incorporación

A Policía Local poderá participar no seguimento dos casos para anticipar situacións de risco e previr novas agresións

O Concello de Neda vén de dar un paso decisivo para mellorar a protección das vítimas de violencia machista. A Xunta Local de Seguridade daba luz verde esta mañá aos convenios de colaboración para a incorporación da Policía Local ao sistema VioGén, unha ferramenta de traballo estatal para o seguimento Integral dos casos de violencia de xénero, co obxectivo de mellorar a atención e previr novas agresións.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o alcalde, Ángel Alvariño, copresidiron na casa consistorial a reunión e asinaron, xunto ao tenente coronel jefe interino da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Fernando Pedreira o protocolo de adhesión. No encontro participaron ademais como vogais a edila de Servizos Sociais e o concelleiro de Seguridade cidadá; o xefe da Policía Local; o comandante do posto da Garda Civil de Fene; o inspector xefe provincial da Policía Autonómica; a vicesecretaria xeral da Subdelegación do Goberno; a xefa Unidade contra a Violencia de Xénero, e, como secretario, Alejandro Antelo, secretario do Concello de Neda.

Foi un encontro clave para reforzar a implicación do Concello na loita contra os malos tratos cara á muller e no que quedou patente a importancia do traballo coordinado entre administracións para garantir unha resposta rápida e eficaz ante situacións de risco.

Na reunión desta mañá salvábanse os trámites para entrar no sistema VioGén. Así, dábase luz verde a adhesión a un convenio coa FEMP e a outro co Ministerio del Interior. Recibía tamén o visto e prace á adhesión ao “procedemento operativo de coordinación e colaboración” coa Comandancia da Garda Civil da Coruña, e dábanse os pasos para a constitución da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, na que estarán representados todos os actores que traballan na loita contra a violencia de xénero.

Grazas á adhesión a VioGén, a Policía Local de Neda disporá de máis información (policial, xudicial, penitenciaria…) sobre todos os casos activos de violencia machista do municipio. Deste modo, os propios axentes locais pasarán a asumir o seguimento e control dalgúns destes casos, xeralmente de aqueles que son considerados de nivel de risco baixo ou non apreciado. Nos casos de maior risco é a Garda Civil a que se ocupa.

Así, a Policía Local poderá ter coñecemento permanente das circunstancias das vítimas, e poderá establecer as medidas de protección axeitadas, co fin de previr unha nova agresión.

Dende o Concello de Neda sublíñase a importancia da incorporación a VioGén, no que participan neste momento 17 municipios da provincia da Coruña, e subliñan o compromiso municipal de seguir impulsando medidas que redunden nunha maior protección das mulleres maltratadas, e dous seus fillos e fillas.